Leiceaga promete en Lugo un plan de emprego para mozos e parados de longa duración se gaña as eleccións

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou hoxe en Lugo que promoverá un plan de revitalización demográfica con “medidas de fondo como a contratación de 10.000 mozos e parados de longa duración cada ano” se é escollido presidente da Xunta nas vindeiras eleccións do 25 de setembro.

Na presentación da candidatura da provincia de Lugo, Leiceaga lamentou a “regresión demográfica” de Galicia e apostou por políticas de fondo, “non por caixas finlandesas que forman parte da tómbola de Feijóo, as medidas do PP son fachada e apariencia”. “Queda menos dun mes para o cambio, os socialistas temos unha nova resposta e unha nova ilusión, temos que darlle respostas aos cidadáns desde os valores progresistas, o PSdeG será o núcleo da alternativa para desaloxar ao Partido Popular”, afirmou.

“No último ano de Touriño chegaron 18.000 persoas a Galicia e este ano marcharán entre 3.000 e 5.000, por non falar dos nacementos, que pasaron de 24.000 a 19.000; temos un grave problema de regresión demográfica”, manifestou o candidato. Leiceaga defende “un acordo social e político, falamos dunha cuestión prioritaria e por iso impulsaremos un plan con 10.000 empregos ao ano, apoiando tamén outras iniciativas como as vivendas públicas en réxime de aluguer para mozos e o incremento de escolas infantís”.

“Os socialistas apostamos por unha Galicia que vaia a máis e poremos tamén en marcha o programa Retorno do talento para promover a volta dos mozos e mozas que emigraron, temos que darlle motivos para regresar apoiando as iniciativas de emprendemento”, engadiu. Pola súa parte, o número 1 da candidatura, Luis Álvarez, afirmou que “os socialistas cambiaremos a dinámica de Lugo con Leiceaga na presidencia da Xunta, deixando atrás as políticas dun Partido Popular que ten una débeda histórica coa provincia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com