Melania Cruz: “Aínda estou procesando o Mestre Mateo”

Lucense e apaixoada pola actuación dende moi nova, Melania Cruz acaba de ser galardoada co Mestre Mateo á mellor actriz protagonista polo seu papel na película Dhogs, que vén de arrasar nestes premios tendo a honra de ser o filme máis galardoado na historia dos Mestre Mateo. Nós non quixemos perder de achegarnos un pouco máis a esta actriz.

Xornal de Lugo: Que se sinte ao ser galardoada con este premio da Academia Galega do Audiovisual?

Melania Cruz: Aínda estou procesando esto un pouco, estamos moi contentos polos 13 premios en diferentes candidaturas, esperamos que esto tamén lle poida dar unha visibilidade á película que estivemos agardando poder ter nalgún momento; para que todo o mundo puidera ter a oportunidade de ir vela aos cines.

XdL: Como tomache a nominación? Contabas con levar ti o Mestre Mateo?

MC:A verdade é que, sinceramente, aínda que poida soar extrano, non contaba con recibilo. As compañeiras teñen unha traxectoria moi importante. Está moi ben en si a nominación, que xa é unha consideración do traballo, pero tampouco pensas que vas levar o premio. E claro, cando dixeron o meu nome, foi… Mandaronme vídeos despois e se viu na miña cara a sorpresa de recibilo.

XdL: Falas das compañeiras… A competencia era importante con Nerea Barros, Sonia Castelo… Pero, sobre todo, con Sabela Arán, compañeira túa na serie Viradeira. Como afrontástedes esta competencia?

MC:A verdade é que competencia ningunha, tanto Sabela como Sonia son compañeiras marabillosas, levámonos moi ben. Xa traballamos xuntas en outras ocasións, entón eu non tiven esas sensación de competencia, porque ademáis creo que neste mundo sabemos que vale máis o compañeirismo que as competencias aínda que optemos pola mesma categoría a un premio.

XdL: En Dhogs representas o rol dunha muller normal, do día a día.. Pero se realmente algo fai grande a un actor, unha actriz neste caso, é a variedade de roles que pode interpretar e, a ti, poderémoste ver moi pronto na miniserie Contou Rosalía, interpretando a Rosalía de Castro. Que supón este rol para ti?

MC: Primeiro supón unha honra tremenda poder interpretar a unha personaxe real, desas características e que foi unha figura tan importante na nosa literatura, na nosa cultura, a nivel de feminismo… E unha personaxe tan complexa e tan fascinante que da moitísimo respecto e tamén medo. Hai que colmar as espectativas que cada un ten na súa cabeza. Porque cada galego ten a súa Rosalía, porque a leu, porque a viviu, porque a respirou en cada páxina. pois iso, con moita ilusión e responsabilidade.

XdL: Como é Dhogs? Que nos podes adiantar?

MC: É unha película que mistura moitos xéneros, non deixa indiferente. O público, normalmente, ou sae fascinado ou todo o contrario. Esperta como sentimentos e emocións moi contradictorios. Eu mesma a primeira vez que vin a película estiven uns vinte minutos intentando evitar a todo o mundo que me estaba pedindo opinión, porque non era quen de dar ningunha resposta ao que me estaban preguntando. Necesitaba asimilar o que acababa de ver.

XdL: Cando a poderemos ver na gran pantalla?

MC: O que se está dicindo, que aínda non me confirman, e eu por cuestión de datas estou aí… Pero creo que o último que escoitei foi maio. Non estou segura que sexan esas as datas, pero creo que si. En Holanda, estará antes. Para nós, sería unha auténtica ledicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com