O aeródromo de Rozas acollerá, dende o vindeiro venres, o XIII Criterium Aeronáutico

O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos; a Alcaldesa de Lugo en funcións, Ana Prieto Nieto; o Presidente do Real Aeroclube de Lugo, Luís Abelleira Mayor e o Xefe do Servizo Provincial de Deportes, Manuel Otero Méndez presentaron  hoxe a XIII edición do Criterium Aeronáutico, que se celebrará do 20 ao 25 de xullo no aeródromo de Rozas. Esta iniciativa está organizada polo Real Aeroclube de Lugo e conta cunha achega económica de 10.000 euros para a organización desta cita. O evento coincidirá, ademais, coa celebración da XXXV Volta aérea a Galicia – Volta Galaico Duriense.

Santos Ramos destacou que “é un privilexio poder contar na provincia de Lugo cunha proba destas dimensións, que, pola variedade e calidade das actividades que ofrece, xa que ten unha repercusión mediática internacional, ademais de supoñer un importante impacto económico que atrae a preto de 5.000 persoas, que pernoitan, comen e mercan en diferentes establecementos lucenses, o que sen dúbida dinamizará a economía local e provincial”.

Neste senso, Santos Ramos explicou que máis de 150 aeronaves e preto de 5.000 persoas, entre pilotos e afeccionados, daranse cita durante a vindeira fin de semana en Rozas, consolidando ao Criterium Aeronáutico como un referente do panorama nacional. Prieto Nieto invitou as familias a coñecer este deporte e gozar do tempo de lecer, ademais convidou a todos os asistentes do Criterium Aeronáutico a “achegarse a coñecer Lugo, as súas paisaxes e a súa gastronomía”.

Pola súa parte, o Presidente do Real Aeroclube de Lugo, explicou que esta cita ten un dobre enfoque, “por un lado deportivo para o goce dos pilotos que participan nos distintos campionatos, e por outro, divulgativo xa que un dos obxectivos que persegue é achegar o mundo da aviación ao público en xeral, permitíndolles participar nas diversas actividades que organiza”. E remarcou que “é unha cita na que os asistentes terán contacto directo cos equipos de aviación”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo