" />

O BNG propón que o concello poña en marcha unha comercializadora pública de enerxía

“No Concello de Lugo danse as condicións idóneas para establecer unha comercializadora e produtora de enerxia eléctrica”. Así falaba esta mañá o voceiro do BNG no Concello, Rubén Arroxo, para avanzar a nova proposta que os nacionalistas queren trasladar ao goberno local. “O Concello obtería un importante aforro e non dependería das grandes eléctricas”, explica o nacionalista quen proporá que o Concello poña en marcha unha comercializadora pública de enerxía eléctrica.

A empresa pública do concello, EVISLUSA, podería asumir esta función, segundo os nacionalistas, que lembran que o Concello conta con instalacións produtoras que non está funcionando nestes intres.

Arroxo sinalou que “hai concellos, como o de Barcelona, Cádiz ou Pamplona, que xa puxeron en marcha comercializadoras públicas de enerxía para reducir o gasto eléctrico propio e con posibilidade de que, tamén, os veciños se poidan beneficiar”.

Neste momento o concello de Lugo está comprando a electricidade no mercado minorista. Ao converterse en comercializadora o concello podería acudir ao mercado maiorista para abastecer as súas instalacións e o alumeado público cun prezo moito máis reducido. Ademais, o concello garantiría o seu propio subministro evitando depender das grandes compañías que, como lembrou Arroxo, en algún caso chegaron a cortar a luz dalgunha instalación municipal por discrepancias nos pagamentos das facturas.

O concello de Lugo conta con instalacións produtoras que non están funcionando como a Fábrica de Luz ou a instalación de paneis solares e aeroxenerador do Ceao. Coa proposta do BNG, o concello converteríase tamén en produtora enerxética e así poderíase sacar beneficio destas plantas produtoras ou utilizala para as instalacións propias. “Nos paneis do Ceao, por exemplo, estase tirando enerxía por que a lexislación española non permite que os concellos utilicen ou comercialicen a enerxía que producen” explicou Arroxo.

Trataríase dunha eléctrica 100% pública e ofrecería enerxía verde, sería un cambio de modelo que permitiría desconectar dos oligopolios eléctricos e ter unha política enerxética propia tanto para os equipamentos do concello como para as veciñas e veciños de Lugo” asegurou Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo