O Concello ampliará as zonas de xogos infantís en Campo Castelo e Albeiros

A Alcaldesa de Lugo, xunto ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, anunciaron esta mañá a ampliación dos parques infantís da praza de Campo Castelo e de Albeiros cun investimento conxunto de 114.000€ a través do Plan de Barrios que incluíu o Goberno local nos Orzamentos que sacou adiante para este ano.

No caso de Campo Castelo, o proxecto consiste na creación dun novo parque infantil específico para nenos e nenas de ata 3 anos xunto ao actual espazo de xogos. Terá unhas dimensións de 5,3 por 10 metros, e incluirá diversos elementos de xogos infantís, como saltadores, balancín, un castelo con tobogán e unha casiña. O
orzamento é de 25.000€.

En Albeiros ampliarase a zona de xogos existente, tanto na parte para nenos de 0 a 3, como na destinada aos de maior idade. Incluiranse xogos como un circuíto de habilidades, columpios, carrusel xiratorio inclusivo, casiña de xogos con paneis didácticos, entre outros. Neste caso, procederase a maiores á mellora do espazo de lecer existente, coa reparación do pavimento e do céspede artificial, a colocación dunha valla de madeira e o acondicionamento e repintado dos propios xogos. O presuposto ascende a 89.000€.

A Alcaldesa destacou que a ampliación e mellora dos parques infantís é un dos piares “dos Orzamentos 2018 e do noso modelo de cidade, máis agradable, cómoda, accesible, pensada para as persoas, con máis espazos para uso público, neste caso para uso dos nosos nenos e nenas, parte esencial da sociedade, pois son o noso futuro”. Na materialización de proxectos coma estes ponse de manifesto “a transcendencia de contar cun presuposto, porque nos permite investir na cidade”.

De feito, os novos espazos infantís en Campo Castelo e Albeiros dan resposta a unha  importante demanda da cidadanía pois a gran afluencia de nenos e nenas, coas súa familias, fai que os actuais recintos se estean a quedar pequenos. Con estas obras e dotacións, os parques, e polo tanto os nenos e as familias, gañan espazo, comodidade e seguridade.

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a licitación de ambos proxectos, que teñen un prazo de execución de 30 días o de Campo Castelo e de 60 o de Albeiros unha vez adxudicados, polo que estarán listos previsiblemente entre finais de este ano e principios do que vén.

“O centro precisa de máis espazos”

“Coincidimos na necesidade de ampliar o parque infantil de Campo Castelo, pero o centro precisa de máis espazos para nenas e nenos”. Así falaba, tras as declaracións da alcaldesa, o voceiro do BNG no Concello, Rubén Arroxo, quen sinalou que “esta ampliación e mellora da zona infantil do Campo Castelo xa fora proposta polo BNG en numerosas ocasións”.

O BNG insistiu na necesidade de crear, na parte traseira do edificio do Cuartel de San Fernando, unha zona de xogos infantís. Arroxo lembrou que “no centro da cidade hai unha carencia real destas instalacións para o ocio infantil” e resaltou as colas que teñen que gardar os nenos para poder utilizar as poucas instalacións que hai.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo