O Concello programa unha vintena de actividades encol de Manuel María

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e un representante da Fundación Manuel María, Antón Laxe, presentaron este martes a programación de actividades para todos os públicos organizadas polo Concello para render tributo a Manuel María no ano que se lle dedican as Letras Galegas. Trátase dunha vintena de actividades que se realizarán ao longo de todo o ano, con especial intensidade durante o mes de maio. No acto de presentación, Basadre subliñou a importancia literaria deste gran poeta, “tan vinculado como estivo sempre e sigue estando coa cidade de Lugo”.

A edil lembrou a figura de Manuel María, “que merece estar entre os mellores poetas nacionais, e que acadaría a categoría dun poeta internacional, alí onda os haxa”, e avogou pola defensa que fixo da lingua galega, “pois escribiu os versos máis fermosos que temos na literarutra galega”.

Pola súa banda, Laxe transladoulle o agradecemento e os parabéns da Fundación María ao Concello, “pola programación que procura a mellor homenaxe a Manuel María, que non é outra que difundir a súa obra, para que sexa coñecida e lida, e máis concretamente na cidade de Lugo, onde Manuel María tivo unha vinculación especial”.

As actividades arrincarán o 14 de abril, coa actividade de animación á lectura, Polo correo do vento, ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal. Tamén no mes de abril, o venres 22, terá lugar unha representación teatral, A verdadeira historia de Manuel de Paderna, a cargo do grupo Lucecús, no Auditorio Municipal; e o sábado 23, Día do Libro, unha lectura colectiva de poemas ao longo do día xunto á Casa Consistorial.

 Durante o mes de maio, todos os lucenses e visitantes poderán ler unha selección de #17PoemasDeManuelMaría nos 50 autobuses urbanos de Lugo, en carteis colocados no seu interior, onde tamén estarán dispoñibles un total de 17.000 marcadores de lectura que poderán levar os viaxeiros. Tamén estarán colocados en 17 mupis da cidade. Realizarase ademais unha distribución masiva dun díptico co poema que comeza O idioma é a chave coa que abrimos o mundo, dedicada á lingua galega.

O xoves 5 de maio, o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), acollerá a presentación dun DVD e os día 7, 12 e 19, a Biblioteca Municipal organizará obradoiros e sesións de teatro e títeres.

O propio Día das Letras Galegas, o Concello ofrecerá un concerto do conxunto vogal Lugh, que actuará polas rúas da cidade a partir das 13:00 horas, así como un recital homenaxe dos poetas da revista Xistral na Casa do Concello, que foi fundada por Manuel María.

En xuño, o día 5, Día do Medio Ambiente, terá lugar unha rota xeoliteraria polos espazos próximos á cidade, dada a gran presenza dos temas medioambientais na obra de Manuel María. Ademais, no Parque da Milagrosa e na rúa que leva o nome do autor, terá lugar un recital dos seus poemas sobre a natureza.

O Día Europeo das Linguas, 26 de setembro, na Casa das Linguas, recital de poemas traducidos a outras linguas.

No mes de outubro, o Concello celebrará o nacemento de Manuel María na Casa do Concello cunha conferencia da man de Darío Xohán Cabana; e dentro das festas do San Froilán, concerto d`A Quenlla, un dos grupos que máis cantaron e cantan a Manuel María. Neste mesmo mes, tamén se presentará unha edición facsimilar dos dous primeiros números da revista Xistral.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com