O PP propón unha maior inserción laboral dos desempregados con diversidade funcional

O Grupo Municipal do Partido Popular propón a posta en marcha dun Plan Municipal “para mellorar as condicións de empregabilidade daqueles traballadores con especiais dificultades para a súa inserción laboral “. Segundo afirmou a edil popular Mari Teijeiro, esta mañá, o goberno local na súa totalidade, “temos que ser capaces de dar resposta ás persoas que teñen máis dificultades para atopar un emprego e adecuar os seus perfís profesionais ás demandas dos sectores estratéxicos e emerxentes que as empresas requiran no curto e medio prazo”.

A concelleira popular indicou que este programa, que se estructura en catro eixos, ten que consensuarse co tecido social. Teijeiro avoga por levar a cabo un maior control e mellora nas cláusulas de contratación do Concello de Lugo. A idea, segundo matizou a popular, é mellorar a puntuación diante do compromiso de contratación de traballadores que teñan diversidade funcional unha vez que se inicia a prestación do servizo .

O PP municipal proporá no pleno da semana que vén a creación e desenvolvemento dunha política de intermediación entre o tecido empresarial e o social para a sensibilización, formación, concienciación e integración laboral de persoas con diversidade funcional. A popular suxire establecer convenios con asociacións empresariais, CEL ou universidades, entre outros axentes.

Outro dos puntos desta proposta, pasa porque nos orzamentos para 2017 se contemple unha partida específica para a creación dunha liña municipal de axudas para o fomento da contratación de persoas con diversidade funcional de todo tipo así como a adaptación dos postos de traballo. Asemade, o PP busca favorecer a creación de postos de traballo de especial protección para traballadores con dificultades na súa inserción.

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular consideran que a incorporación ao mercado laboral é un factor destacado para conseguir a plena integración deste colectivo polo que “agardan que o Goberno municipal apoie no vindeiro pleno á creación dun Plan municipal de mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo