O PSOE vilalbés censura que o Concello renuncie a estudar as taxas ás enerxéticas

O Grupo Municipal Socialista critica que o Concello de Vilalba non se acolla ao convenio ofertado pola Deputación de Lugo mediante o cal se realizará un estudo sobre as taxas por ocupación a empresas enerxéticas. O Executivo Provincial anunciou un convenio entre Deputación e os concellos interesados co fin de elaborar unha ordenanza municipal sobre a ocupación das liñas eléctricas e de gas, ao que se acolleron 40 municipios da provincia entre os que non figura Vilalba.

O organismo provincial asumirá o 50% dos custos para a elaboración dun inventario técnico económico, así como a proposta de tarifas para a imposición e regulación da taxa das instalacións de transporte de enerxía eléctrica e gas; o outro 50% deberá ser asumido polos concellos para a contratación dunha empresa especializada que realice o informe. “A Deputación está apurando os trámites de cara á firma do convenio cos 40 municipios para a pronta redacción da ordenanza mentras o Concello de Vilalba está desaparecido, perdendo unha importante fonte de financiamento para as arcas municipais sen ningún escrúpulo”, criticou o edil socialista Luis Fernández.

A comezos do ano pasado o Tribunal Supremo obrigou ás eléctricas a pagar aos municipios polos seus tendidos, posto que non recoñecían o gravame ou o consideraban desproporcionado. Con este fin, “a meirande parte dos concellos da provincia están realizando os trámites pertinentes coa axuda da Deputación, pero o goberno do señor Baamonde limita os seus recursos a golpe de inoperancia e incompetencia, perdendo cartos unha vez máis”, afirmou Fernández en clara alusión ás perdas de subvencións do goberno local por cuestións de prazos ou rexeitamento voluntario. “Desde o grupo socialista pedimos un mínimo de coherencia ao Alcalde e aos concelleiros, a veciñanza non ten que pagar a pasividade e o desgaste dun equipo de goberno que actúa por pura inercia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo