Trabada ofrece a maiores e dependentes un pioneiro servizo de transporte diario

O Concello de Trabada estrea hoxe un pioneiro servizo de transporte público en Galicia co que o goberno local, coa financiación da Deputación, ofrecerán aos seus maiores de máis de 65 anos e aos dependentes que teñan limitación na súa mobilidade, vivan sos ou enfermos crónicos a posibilidade de ter un servizo de transporte municipal diario que os recollerá nos seus domicilios, os trasladará ao núcleo urbano a facer as xestións cotiás que requiran (dende ir ao centro de saúde, farmacia, banco, supermercado, Consistorio…) e os volverá a levar aos seus fogares.

Así o presentou o presidente  da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á alcaldesa da localidade, Mayra García Bermúdez, que aproveitaron a ocasión para irformar aos veciños da posta en marcha desta iniciativa social nun encontro cos mesmos en Vilapena, parroquia que conta con 58 habitantes dos que máis do 50% son maiores de 65 anos.

A Alcaldesa explicou que “con este servizo social de transporte público municipal, buscamos atender ás persoas que máis o necesitan, ofrecéndolles unha prestación básica e necesaria para poder vivir no noso rural en igualdade de oportunidades. Temos que ter en conta que hoxe no noso Concello viven sos 86 veciños, o que supón máis do 20% dos maiores de 65 anos. Na porcentaxe restante, na maior parte o núcleo familiar está composto exclusivamente por parellas que superan esta idade, que non teñen familiares directos aos que pedir axuda ou que conviven con persoas que teñen iguais ou maiores limitacións debido a súa idade. Este servizo responde a criterios de xustiza social e de necesidade”.

O Presidente destacou que “esta prestación é unha moi boa mostra do traballo que levamos a cabo dende o Goberno Provincial. A nosa máxima prioridade é atender as necesidades de todos os nosos veciños. De xeito especial, aos que máis o requiren, como os nosos maiores, persoas con limitacións ou capacidades diferentes. Facémolo, poñendo á súa disposición servizos públicos que faciliten con igualdade de condicións a vida en cada un dos 67 Concellos dunha provincia, coma Lugo, que é 100% rural e conta cunha poboación altamente envellecida”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo