10.000 persoas coñecerán as obras de 70 artistas en Sarria

A Deputada pola Comarca de Sarria, Sonsoles López Izquierdo, e o Presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Comarca de Sarria, Jorge López Rodríguez, presentaron hoxe a IX Edición de Artistas e Artesáns da Comarca de Sarria no Camiño. Trátase da exposición que acollerá a antiga Prisión Comarcal sarriana dende o 8 de setembro ao 13 de outubro, coa que varios colectivos amosan a riqueza do Camiño en máis de
300 obras de 70 artistas.

Con esta mostra, o Goberno da Deputación suma esforzos coa Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Santiago, Palilleiras de Sarria, Sarricanta e Crearte co obxectivo de por en valor os recursos turísticos da provincia para xerar riqueza ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo.

Neste senso, López Izquierdo subliñou que “que segundo os datos da pasada edición unhas 10.000 persoas de 27 países visitaron a exposición, unhas cifras que agardamos repetir este ano e que dan boa conta da relevancia e repercusión que ten a cita a nivel de difusión internacional da nosa cultura e patrimonio artístico”.

A Deputada subliñou que “na mostra, composta por máis de 300 obras de 70 artistas da zona, poderanse atopar maquetas dos monumentos do municipio sarriano, cadros, pezas de madeira, ferro ou tela, entre outros obxectos. Ademais, conta coa colaboración doutras asociacións do Camiño de Santiago, polo que se aposta polas sinerxías entre os pobos e por reforzar os vínculos culturais”.

A entrada é libre e totalmente gratuíta. A exposición estará aberta de 18:00 a 20:30 horas todos os días da semana, nas instalacións da antiga prisión comarcal. Trátase dun horario especialmente destinado aos peregrinos, pois é durante a tarde cando adoitan ter máis tempo para visitar e coñecer os diferentes recunchos dos municipios polos que pasan.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com