130 persoas participaron nun cribado en Ribadeo

Durante a mañá de hoxe estívose a realizar un cribado xeral para os veciños e veciñas da parroquia de Arante, logo dun gromo detectado en Remourelle. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que se trata dunha actuación coordinada do Sergas e do Concello xunto co excelente traballo das tres asociacións veciñais desa parroquia.

O rexedor explicou que “se está levando a cabo o cribado xeral para todos os veciños da parroquia de Arante, logo de ter detectado un gromo no núcleo de Remourelle hai poucos días. Coa actuación coordinada do Sergas e do Concello, xunto co traballo excelente das tres asociacións de veciños que hai na parroquia, logramos en tempo récord, en horas, localizar os datos necesarios dos veciños, das unidades familiares e dos teléfonos de cada casa, para que o Sergas puidese organizar as fichas médicas, dar as distintas citas para hoxe, etc…”.

Suárez Barcia contou que “así dispuxemos que as 150 persoas avisadas poidan vir con comodidade, con seguridade e con axilidade ao novo pavillón polideportivo de Ribadeo, como están vindo nestes momentos. Non escollemos outros locais na parroquia por non teren as dimensións nin os accesos preparados para estas accións. Aquí está a Policía Local facilitando os aparcamentos, temos circuítos de entrada e saída no pavillón e todo está indo moi ben. Agardemos que, aínda sendo voluntaria esta proba, veña a máxima xente posible e a ver se dentro de poucas horas podemos ter os resultados para comprobar se este gromo que afecta a este núcleo, e tamén está relacionado con concellos veciños, está controlado ou non”.

O alcalde ribadense engadiu que “entrementres, antes e despois de todo isto que estamos facendo, pido humildemente a toda a poboación que teña coidado e actitudes responsables co uso da máscara. É certo que levamos semanas con baixísima ou nula incidencia do Covid en Ribadeo, pero todo o mundo ve que isto cambia dun día para outro e se nos cambia para mal o sector servizos verase afectado, endureceranse as normas, os aforos e volveremos outra vez cara atrás. Actuemos todos ben, por favor”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com