" />

14 escolas de hostalería do noroeste peninsular participan no XIV Campionato de Baristas do IES de Foz

Catorce escolas de hostalería de Galicia, Asturias, País Vasco e Castela e León participarán no XIV campionato de baristas organizado polo IES de Foz, que se celebra este xoves e venres.

Foi presentado hoxe no salón de actos do centro polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias; a xefa territorial da Consellería de Educación, Mariña Gueimunde; o alcalde de Foz, Fran Cajoto; e o director do IES focense, Nicolás Asensio. No acto participou tamén o director do CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, Isidro Berdeal, xa que se aproveitou a presentación para inaugurar a food truck do IES de Foz, vehículo que foi acondicionado coa colaboración do centro de formación profesional ribadense.

O delegado da Xunta destacou que “se trata dunha mostra do gran traballo que se fai a través dos centros por parte dos profesores e dos alumnos, e da aposta pola FP que fai a Xunta de Galicia”.

O alcalde de Foz manifestou: “para nós é sempre un orgullo poñer en  valor estes grandes profesionais da hostalería que están saíndo do IES de Foz. E estes campionatos tamén serven para que a xente recoñeza que debemos contar con grandes profesionais en todos os sectores e animar a todo aquel que queira traballar en hostalería a que veña formarse porque hai grandísimos mestres neste centro. Precisamente nunha comarca tan eminentemente turística como A Mariña temos que apostar por que o sector cada vez se especialice máis”.

O director do IES de Foz explicou que “este campionato ábrenos unha xanela á normalidade, despois dunha situación que foi dura durante estes anos. O importante do campionato, sempre o é pero este ano quizais máis, son os alumnos e as alumnas que van participar e os que están a colaborar xunto co departamento en montar todo isto, que dá moitísimo traballo. Os representantes do IES de Foz nesta ocasión son Sergio Bartomeu Casabella -un alumno de 2º do Ciclo Medio de Servizos- e Gutiérres Lima Nascimiento, que é un alumno de 3º do Ciclo Dual Dobre Titulación en Dirección de Cociña e Dirección de Servizos. Agradecerlles as horas que lle botaron e as ganas que teñen e desexarlles, sen pretender favoritismos, que lles vaia moi ben”.

Nicolás Asensio tamén agradeceu a colaboración das administracións e dos medios de comunicación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo