220 gandeiros e agricultores puxeron en produción 1.200 hectáreas que estaban abandonadas

Xornal de Lugo

220 gandeiros e agricultores puxeron en produción 1.200 hectáreas que estaban abandonadas. Fixérono a través do plan de recuperación de terras baldías da Deputación. Nas dúas edicións desta programación o Executivo Provincial achegou 560.000 euros en axudas a estes profesionais. O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, mantivo hoxe un encontro cun dos beneficiaros desta programación.

Trátase de José Vidal, membro da SAT As Pedreiras, situada en O Pacio (Friol). José foi beneficiario das dúas primeiras edicións destas axudas, recibindo un total de 18.000 euros, o que lle permitiu recuperar máis de 40 hectáreas de terras que levaban máis de 60 anos sen ningún tipo de utilización. Así, coa axuda da Deputación puido sementar forraxe para alimentar ao gando, conseguindo reducir custes, pois agora aforra en herba, millo, alfalfa e penso. Ademais, tamén lle permitiu incrementar a cabana gandeira, pois pode ter 10 vacas máis.

Santos Ramos destacou que “o Goberno da Deputación puxo en marcha a terceira edición desta programación poñendo a disposición dos agricultores e gandeiros outros 300.000 euros. Os interesados poden solicitar esta liña de axudas ata o vindeiro venres, 28 de setembro. Quero lembrar que a axuda por hectárea é de 500 euros, podendo recibir cada beneficiario ata 9.000 euros”.

Este investimento está dirixido a gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade de explotacións, que dispoñan dun mínimo dunha hectárea de superficie, ben en réxime de propiedade, aluguer, ou froito dunha cesión ou doazón. Recuperarán as terras baldías con actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais non están subvencionadas. Podes consultar as bases deste plan na seguinte ligazón: https://bit.ly/2Cs294b.

Xornal de Lugo

Diario de información xeral encol de Lugo e a súa provincia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

0 Comments
scroll to top