" />

24 equipos lucenses participan no Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, asinou na mañá de hoxe os contratos de patrocinio cos 24 equipos da provincia de Lugo participantes no Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición de Galicia da Fundación Deporte Galego. O secretario xeral destacou a importancia destes 24 equipos lucenses que amosan unha gran igualdade con 12 equipos masculinos e outros 12 femininos. En total, o Plan de Patrocinio deixa en Lugo máis de 400.000 euros (402.557,86 euros), o que representa o 12,8% de todo o plan. No acto de sinatura tamén estivo presente a directora de Zona de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena.

Nas súas verbas, Lete Lasa apuntou a relevancia dun programa que comezou na tempada 2009/2010 con apenas 80 equipos e un orzamento de 2,2 millóns de euros e que foi medrando ata acadar os 231 equipos patrocinados nesta última edición (125 masculinos, 99 femininos e 7 mixtos) e os 3,15 millóns de euros de orzamento global. En total, nas súas doce edicións, o Plan de Patrocinio ten chegado xa a 1.617 equipos cun total de 33 millóns de euros, grazas á inestimable axuda de ABANCA, que grazas ao acordo acadado en 2020, seguirá colaborando co deporte galego de alto nivel ata o ano 2024, cunha achega total de 10 millóns de euros desde 2015.

Do mesmo xeito, Lete Lasa agradeceu a colaboración de Turismo de Galicia coa que vén de asinar un convenio por importe de 2,5 millóns de euros para a promoción do deporte galego. Dese montante total, 1,8 millóns de euros estarán destinados ao Plan de Patrocinio Publicitario dos anos 2021 e 2022.

O secretario xeral anunciou tamén que por primeira vez desde a xénese do plan realizarase un cambio nos prazos para adecuar o devandito plan ao calendario de competición dos equipos galegos. Deste xeito, en setembro de 2021, aprobarase o Plan de Patrocinio correspondente á tempada 2021-2022 que será a edición que contará cun maior orzamento ata chegar aos 3,9 millóns de euros.

Equipos lucenses
Os 24 equipos lucenses patrocinados nesta edición 2021 son o Club Deportivo Burela Fútbol Sala feminino e masculino e o FSF Castro Bloques Cando (fútbol sala); o CB Chantada, Ensino Lugo Club de Baloncesto, Club Baloncesto Breogán e CB Estudiantes (baloncesto); o Club Peluquería Mixta Friol (fútbol); o Club Emevé feminino e masculino (voleibol); o Club Hóckey Femenino Meigas e Club Patíns Lóstregos Lucus (hóckey liña); o CTM Milagrosa (tenis de mesa); o Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial feminino e masculino, a Asociación Deportiva Tripenta Terras de Lugo feminino e masculino (dúatlon); o Club Triatlón Cidade de Lugo Fluvial feminino e masculino (tríatlon); o Club Fluvial de Lugo feminino e masculino, Club Piragüismo Ciudad de Lugo feminino e masculino (piragüismo sprint) e o Club de Loitas Olímpicas Vilalba (loita libre olímpica).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo