250 axentes participan no Plan Estratéxico de Turismo do Goberno da Deputación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentaron este mércores as conclusións das mesas de participación sectorial, entrevistas a expertos e enquisas a empresas, que se levaron a cabo durante os meses de febreiro, marzo e abril, incluídas no Plan Estratéxico de Turismo da Provincia (2017-2020) posto en marcha polo Goberno da Deputación, que será presentado no vindeiro mes de xuño.

Campos Conde subliñou que “tras unha primeira fase de análise do sector turístico da provincia, levouse a cabo o plan de participación sectorial que incluíu entrevistas en profundidade con expertos, mesas de traballo e enquisas online. Cómpre destacar a elevada implicación que acadou esta segunda fase, posto que no seu conxunto participaron cerca de 250 axentes de todos os ámbitos e sectores turísticos”.

O Presidente lembrou que “o plan de participación sectorial deseñouse coa intención de realizar unha fase de consulta ao sector para que así todos os axentes do territorio puideran participar no deseño do Plan Estratéxico da Provincia de Lugo, xa que este plan pretende ser feito entre todos e para todos. A continuación realizarase unha fase de diagnose, estableceranse os retos e liñas estratéxicas e finalmente definirase o plan de acción”.

Pola súa parte, Vidal Baamonde subliñou que este Plan “toma como base as inquedanzas do sector, para recollelas, analizalas e desenvolver propostas que den resposta ás verdadeiras necesidades que poñedes sobre a mesa os que realmente contactades cos viaxeiros e palpades as súas sensacións cando veñen á provincia”.

O obxectivo xeral do Plan Estratéxico de Turismo da provincia de Lugo (2017-2020) é impulsar o crecemento e a transformación do sector turístico da provincia na procura dun modelo turístico máis competitivo, innovador e participativo que promova unha nova etapa no desenvolvemento turístico sostible.

 Balance

Durante o plan de participación sectorial realizáronse : 5 mesas de traballo: con 152 persoas e 131 entidades participantes. Entre estas contouse coa representación de 48 Concellos, 28 Asociacións de diferentes sectores, 8 oficinas de turismo, 8 representantes de Museos, 6 representantes de Consellos Reguladores, 3 Clubs Náuticos, 2 Indicacións Xeográficas Protexidas, 2 Reservas da Biosfera, 2 Mancomunidades, 2 GDR e 1 Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra.

Entrevistas presenciais con 20 expertos que representan ao ámbito académico, sector público, sector social e sector privado.Enquisas online a representantes do sector turístico do ámbito privado. Contestaron finalmente de maneira completa ás enquisas 74 empresas.

Resultados e actuacións

Polo que respecta ás conclusións do plan de participación sectorial, centráronse na situación actual do sector turístico na provincia de Lugo, a identificación dos recursos e produtos estrela, as posibles actuacións de promoción e comercialización, así como a formación e profesionalización do sector.

En canto á situación do sector, as mesas de traballo consideran que o grao de desenvolvemento turístico na provincia é medio-baixo, mentres que para un 32% dos enquistados é baixo e para un 28% é moi baixo. Respecto ao potencial turístico, os xeodestinos Ribeira Sacra, Ancares-Courel, Lugo e Mariña Lucense son valorados como altos ou moi altos, e para a Terra Chá é medio, mentres que nas enquisas un 64% realizadas a empresas do sector contestaron que o potencial turístico da provincia é alto ou moi alto. Finalmente, as mesas de traballo determinaron que a competitividade do destino turístico é medio para Ribeira Sacra e Ancares-Courel, e medio alto para Terra Chá e Mariña Lucense, mentres que un 63% dos enquistados opinan que o destino, a provincia de Lugo, é moi competitivo.

Por outra parte, tanto nas mesas de traballo, como nas entrevistas a expertos e enquisas realizadas concluíuse que entre os puntos positivos do sector destaca a atención ao cliente, a riqueza paisaxística e as comunicacións por estrada. Mentres que entre os puntos negativos destacan as comunicacións por rede ferroviaria e o transporte público por estrada.

Recursos estrela

No tocante á identificación dos recursos e produtos estrela, na www.amariñaturismo.es

destaca principalmente a gastronomía e o patrimonio cultural, xunto coa Paria das Catedrais. Na Terra Chá coinciden en sinalar a gastronomía como o recurso estrela, xunto co Castro de Viladonga. Na Cidade de Lugo destaca o patrimonio natural e a propia cidade. Na Ribeira Sacra inciden na gastronomía e o patrimonio románico xunto coa viticultura. Finalmente, nos Ancares-Courel destancan o patrimonio cultural e as Pallozas dos Ancares.

Respecto ás actuacións de promoción e comercialización, todos os axentes que participaron nas mesas de traballo, enquisas e expertos apostan por unha promoción e comercialización que se sosteña nunha estratexia combinada (online e offline), que incluiría: unha páxina web turística da provincia, promoción a través de redes sociais, apps turísticas, asistencia ás feiras turísticas e campañas publicitarias.

Finalmente, concluíuse que a formación e profesionalización do sector é un factor clave, debendo mellorar especialmente nos seguintes ámbitos: idiomas, marketing turístico e emprego de novas tecnoloxías.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com