32 lucenses con capacidades diferentes participarán na Liga Genuine

O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, xunto a outros representantes da Deputación, e a Conselleira Delegada do Club Deportivo Lugo, Olga Rouco Calaza, presentaron hoxe a iniciativa LaLiga Genuine, na que participarán 32 lucenses con capacidades diferentes, representando ao CD Lugo, co patrocinio do Executivo da Deputación. Trátase dunha liga pioneira para persoas con discapacidade intelectual que xurdiu no 2017 e que contará, na súa segunda edición, coa participación de 30 equipos de toda España.

No acto tamén participaron o Concelleiro de Deportes e a a Concelleira de Igualdade, de Lugo, Miguel Fernández Méndez e Ana González Abelleira; as Concelleiras de Servizos Sociais de Monforte de Lemos e Viveiro, Gloria Prado Rodríguez e Carmen Franco Díaz; xunto aos presidentes das entidades e asociacións sen ánimo de lucro de toda a provincia de Lugo participantes no proxecto: Fundación Eu Son (Burela), Aspnais (Lugo), Down (Lugo), Aspanane (Viveiro) e Prodeme (Monforte de Lemos).

Santos Ramos subliñou que “dende o Goberno da Deputación estamos sumamente comprometidos coa plena integración social de persoas con capacidades diferentes. Neste senso, incorporamos tanto nas nosas programacións de emprego, como noutros ámbitos como o deportivo, cláusulas coas que garantir a igualdade de oportunidades e favorecer a súa normal participación na sociedade. Por iso, non podíamos deixar pasar a oportunidade de colaborar nesta fabulosa iniciativa”.

O equipo do CD Lugo que participará na Liga Genuine realizou o seu primeiro adestramento no campo da Reigosa en Friol. Está composto por por 32 mozas e mozos que estarán baixo a dirección dun corpo técnico integrado por catro persoas e coordinado por Jose Seoane. Para a creación do CD Lugo Genuine o club contou co apoio e colaboración de cinco asociacións: Aspnais, Down Lugo, Aspanane, Fundación Eu Son e Prodeme, así como dos Concellos de Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, e o principal patrocinio da Deputación. O conxunto albivermello debutará o próximo 17 de novembro na sede de Tarragona.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com