65 centros educativos lucenses participan este curso nas actividades do Plan Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o curso 2016/17, no que participarán un total de 65 centros de ensino da provincia de Lugo. Ao seu abeiro, 8.685 alumnos desenvolverán 133 proxectos diferentes nalgún dos 41 programas que compoñen esta iniciativa

Novidades

Este curso 2016/17 incorporáronse nove novos programas, dos que tres son impulsados por Cultura e Educación:  ‘Proxectos de innovación en dinamización lingüística’, un programa de fomento da innovación nos impulsos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento cultural que garanta a plena competencia comunicativa; ‘Cined’, para o fomento do coñecemento do patrimonio audiovisual europeo; e ‘Educación en valores e cidadanía global’, de promoción e defensa dos dereitos da infancia e do exercicio da cidadanía global e responsable.

Outras tres das nove iniciativas novas son impulsadas polo departamento de Política Social. ‘Voluntariado miúdo’ promove a adquisición de competencias a través de proxectos de acción voluntaria que permitan fortalecer a educación en valores solidarios dende realidades concretas adaptadas ás idades do alumnado, mentres ‘Aulas I+I’ é un programa que desenvolve estratexias a prol da inclusión das persoas con capacidades diferentes nas aulas. Pola súa parte, ‘Conecta Cultura’ ofrece un marco de reflexión e acción para dotar de ferramentas didácticas a abordaxe positiva da multiculturalidade co fin de convertela en interculturalidade.

Proxectos socioeducativos e condutas segura

Desenvolvido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ‘+Comunidade’ é un proxecto de intervención socioeducativa centrada no coñecemento, análise e actuación práctica, desde unha perspectiva cooperativa e de xénero, sobre as problemáticas socioambientais locais e a súa relación co contexto global, coa finalidade de xerar alternativas concretas de actuación entre o alumnado e o profesorado para a construción dunha cultura máis sostible.

‘Moitavista na Escola’, da Consellería de Economía, Emprego e Industria ten como fin sensibilizar o alumnado sobre a importancia da prevención de riscos asociados á contorna escolar e promoción de condutas seguras e saudables; mentres que ‘Xente con Don’, da de Sanidade, é un programa de prevención de prácticas sexuais de risco na mocidade e loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas por infeccións de transmisión sexual.

 Ademais destas novas incorporacións, reformuláronse distintos programas co fin de darlle un maior aproveitamento ao traballo por proxectos e á cooperación interinstitucional. Deste xeito ofértanse renovados ‘Aliméntate ben’, que afonda no tratamento dos principios alimentarios coa participación da Consellería de Sanidade; e ‘PDC – Centros activos e saudables’, que unifica os programas de vida activa a través dun único programa deportivo con distintas modalidades no seu interior. Tamén se reformulan ‘Protexe o teu medio’ e ‘Quérote+’, co fin de mellorar os seus obxectivos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com