82 centros da provincia participarán no Plan Proxecta

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o actual curso 2019/20, no que participarán un total de 82 centros de ensino da provincia de Lugo. Ao seu abeiro, uns 12.730 alumnos xunto con 1029 profesores desenvolverán 161 proxectos diferentes nalgún dos 44 programas que compoñen esta iniciativa.

Na provincia de Lugo, os programas nos que participan un maior número de centros son PDC (proxecto deportivo de centro. Centros activos e saudables), con 32 centros participantes; Aliméntate ben, con 18 centros; Proxecto Ríos, con 13 e Donas de si, con 12. No programa Por 365 días de respecto e igualdade participarán 8 centros, en Paisaxe e sustentabilidade, 7 e en Correspondentes xuvenís, 6.

No conxunto de Galicia participarán no Proxecta 579 centros de ensino (un 6,83% máis que o ano pasado), nos que preto de 148.000 alumnos (un 7,46 máis ca no curso anterior) e máis de 8.200 docentes desenvolverán un total de 1.070 proxectos. No curso 2018/19 participaron no Plan Proxecta 542 centros de ensino, preto de 138.000 alumnos e máis de 8000 profesores.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Neste curso ofertáronse un total de 44 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a creación audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com