‘Os micromedios lucenses’ lembran a primeira época da democracia na Biblioteca Nodal

A Biblioteca Provincial de Lugo, acolleu onte a apertura oficial da exposición Os micromedios lucenses, que recolle preto dun centenar de publicacións da provincia de Lugo que viron a luz entre 1975 e 1984, nos primeiros anos da democracia. Esta exposición ten a súa orixe na Tese doutoral da profesora Rosa Cal, Doutora en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid.

Esta profesora ferrolana estudiou a prensa dos “micromedios” galegos (en contraposición aos chamados massmedia) neste especial período da nosa historia recente, colaborando coa Biblioteca Provincial de Lugo para organizar esta exposición con importante material correspondente á provincia de Lugo. En palabras de Rosa Cal, “esta exposición exprésanos o despertar dos impresos populares, que se produciu co cambio da dictadura a un estado constitucional democrático, que respectará os dereitos e liberdades da persoa, entre elas a liberdade de informar”.

De 1975 a 1984, só na provincia de Lugo xurdiron máis de cen títulos froito do labor libre de mozos, alcaldes, empresarios, profesores, asociacións culturais, institucións relixiosas, asociacións de veciños… “de información xeral ou de minorías, literarias ou de axuda a enfermos e discapacitados, de profesionais da enfermaría ou da nova arte dos fanzíns… de automobilismo, universitarios, escolares, deportivos ou de ocio”, explicaba Cal. “Non están todas, porque -por exemplo- no Ministerio do Interior, entre 1976 e 1984, presentáronse 82 solicitudes de constitución de Asociacións de Veciños. Habitualmente, estas asociacións elaboraban un Voceiro, do que non facían depósito legal, polo que na actualidade é case imposible atopalos.”

Naquel tempo, xurdiron os “micromedios”, que asi se denominan estes impresos dun tempo “no que a sociedade organizouse por asociacións libres con obxectivos diferentes, naqueles anos nos que había que refacelo case todo. E a sociedade ferveu con asociacións de representantes de comercio, empresarios, construtores, amas de casa, ensinantes… había asociacións para promover obras comunitarias, divulgación da historia, homenaxear a xente esquecida… e crearon fanzines e escribion poemas… e atopamos iniciativas senlleiras como Preescolar na Casa, ou os traballos do Centro de Protección de Menores de Rábade. E micromedios políticos (Azo. Asamblea pro amnistía de Lugo), Sindicais (Voceiro de Lugo. Sindicato galego da Sanidade) ou fotocinematográficos comoFonmiñá informa“.

A exposición foi inaugurada por Ramón Carballo, en representación da Xunta de Galicia, ao que acompañaban Rosa Cal, inspiradora da exposición, a Xefa do Servizo provincial de Cultura, María José Gómez González, a Directora da Biblioteca provincial, María Elena García Pazos, e o colaborador desta mostra, Xulio Xiz.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com