Nos albores da democracia os gobernantes sabían que asfaltados e bacheados, electrificacións ou telefonía producían os votos para a permanencia no poder, ou fomentaban alternancias. Poucos valoraban a cultura como movemento de vontades, ata que á alcaldía de Ribadeo chegou Eduardo Gutiérrez que desde a Asociación Francisco Lanza gañara a praza. Os criterios foron cambiando, especialmente co baleiro do rural, que era onde máis influían estes servizos, e agora non é doado saber por onde van os tiros, aínda que que os políticos seguro coñecen a agulla de marear.
Na capital lucense, o Bng goberna temas municipais vitais, e unha das cartas importantes son as obras precisas para facer as rúas máis garimosas para os viandantes, sobre todo desde que comezamos a ver a luz ao final do tunel e só quedan os retoques para non ter que seguir destrozando rúas. Cando remate a obra, hai o perigo de que os lucenses aceptemos o resultado da nova situación, esquecendo esforzos, de acordo con esa sorte de amnesia que sufrimos en relación con determinados temas, feitos e persoas.
Se un xeneral romano foi quen de convencer ás súas tropas de que en Galicia non existía un Río do Esquecemento, chamando desde a outra beira aos soldados polos seus nomes, parece como se en Lugo a poderosa corrente do Miño fixese que moitas cousas se esquecesen co paso co tempo.
Agora mesmo, todos sabemos quen impulsa as obras, e a elas dedica os maiores esforzos. Pero está esa perigosa amnesia que xa fai difícil lembrar que alcalde impulsou a peonalización de boa parte do casco antigo, ou mesmo os nomes dos rexedores lucenses dos últimos cortenta anos.