Manolo Gulín, amigo

Cando un amigo como Manolo Gulín se nos vai fisicamente, sinto a necesidade de expresar publicamente a dor pola perda, case por alusións, porque a relación con Gulín era tan directa, tan de preto, que o seu pasamento é algo propio – de familia – que os amigos sentimos na alma.

E interveño por partida doble, múltiple, porque durante moitos anos fomos compañeiros de traballo na Consellería de Cultura, e compañeiros tamén no Orfeón Lucense, e nos dous ámbitos, nas dúas colectividades, Gulín deixou imaxe e exemplo de home cabal, entregado, serio, xeneroso, culto, cunha sensatez innata e traballo consciente e constante.

Gulín era un artista e os seus debuxos eran trazos tan firmes coma o seu carácter; tan garimosos coma o seu talante. Fóra premiado no Belén de Begonte hai arredor de corenta anos, e nos últimos trinta foi xurado do Certame Galego de Arte, como foi xurado dos certames de debuxo da Biblioteca provincial, e participante en todas as accións culturais que solicitaban a súa presencia activa.

Profesionalmente era un home sen estridencias, mesurado, intelixente coñecedor da historia e da arte da nosa terra que era o marco de desenvolvemento da súa acción como responsable de Patrimonio na provincia de Lugo, e centos, milleiros de asuntos e de elementos monumentais da nosa terra souberon da súa atención, vixiancia e cuidado. E os compañeiros tiñamos en Manolo un referente, un exemplo, seguranza de cumplimento… e o que se di: Un compañeiro amigo.

Aos dos nosos tempos, cando casabamos, o oficiante acreditaba que o vínculo era “ata que a morte nos separase”. Manolo e Josefa son a proba de que a fórmula funciona, e os dous eran exemplo desa unidade familiar permanente. Cando os compañeiros me despediron pola xubilación, co compañeiro Manolo tamén veu a compañeira Josefa. Cando Manolo foi cantar ao Orfeón Lucense, Josefa foi con Manolo cantar ao Orfeón. E cando digo Orfeón digo tamén o Coro da Asociación de Amigos do Camiño, do que os dous formaron parte

Quédanos á súa familia – Josefa, Zoila, José Manuel, Manuel Antonio, Antonio, Olaya, Claudio… – e a todos os seus amigos, a lembranza imperecedeira dun home noble, familiar, de corazón inmenso, que soubo querer, e que mereceu e merece ser querido e recordado.

E escribindo esta mágoa convertida en pranto véuseme á mente coma un lóstrego un verso de García Lorca, no que só teño que cambiar “andaluz” por “galego”, para asegurar que “Tardará moito tempo en nacer, se é que nace” un galego tan claro… como Manolo Gulín.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com