" />

Sen eles, fai máis frío

Cada día, cada pobo perde algún dos seus habitantes; perda vital a escala persoal e familiar á que o colectivo non reacciona, aínda que deixa un oco que ninguén pode encher. Pero hai desaparicións que fan tremer ao colectivo, porque son exemplos nos que mirarnos. E Lugo ven de sufrir dúas perdas que afectan á parte máis sensible da cidade nas persoas de Jesús e Arcadio, Jesús-Quico de Sargadelos, activista cultural, e Arcadio Silvosa, xornalista; dúas persoas imprescindibles.

Jesús de Sargadelos, 94 anos, era unha institución cultural e convertíu a súa Galería nunha ágora, casa común, convocando e albergando vida. Arcadio Silvosa, trinta anos menos, era un referente nos medios de comunicación, e mesmo na política, aínda que só lle puido dedicar a esta noble arte un tempo breve. Tiña devoción polo deporte, pola amizade, polo humor, pola cidade e pola xente.

Despedímolos agora, aínda que a esquiva saúde nos últimos tempos impediulles actividades e presencias públicas. E cando xa non están, debemos ter presente o ben público que fixeron, e lamentar a súa ausencia cun algo de egoísmo por sernos necesarios individual e colectivamente.

Jesús e Arcadio foron exemplo de lucenses necesarios para que a cidade respire polos poros da cultura, da verdade, do entusiasmo, das cousas que merecen a pena. Que hai máis, que poden vir máis, pero non sobra ninguén. E estes son irreemplazables.

Que a terra lles sexa leve; que sexan felices no lugar de destino. Quedamos un pouco orfos sen eles. E acudo ás palabras con que Jesús pechaba os actos en Sargadelos: “Abríguense ao saír, que xa fai frío”. Sen Jesus e Arcadio, fai máis frío en Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo