A nova unidade, con 12 prazas para nenos e nenas de 1 a 2 anos, permitirá atender a demanda existente
O Concello de Lugo iniciou hoxe o procedemento para reabrir unha cuarta aula na escola infantil municipal Serra de Outes, unha medida que permitirá atender a demanda existente nas escolas infantís municipais.
O Concello contactou coas 16 familias que figuraban na lista de espera das escolas infantís municipais para coñecer se continuaban interesadas en acceder a unha praza. Tras esta consulta, dez confirmaron que manteñen a súa solicitude.
A reapertura da aula permitirá dar resposta ás familias que continúan interesadas e eliminar a lista de espera existente.A nova unidade, destinada a nenos e nenas de 1 a 2 anos, abrirá a principios de ano e contará con 12 prazas.
Para a súa posta en funcionamento recuperarase un dos catro espazos da escola infantil Serra de Outes que permanecía pechado desde a pandemia. A aula contará cos medios humanos e materiais necesarios para o seu funcionamento.
Coa reapertura da aula da Escola Infantil Municipal Serra de Outes, prevista para principios de 2027, e a previsión de incorporación de dez menores, quedarán dispoñibles tres prazas na unidade de 1 a 2 anos deste centro. Ademais, hoxe hai dúas prazas vacantes na aula de 2 a 3 anos da Escola Infantil María Wonenburger.
As familias interesadas poden solicitar praza en calquera momento, sen necesidade de agardar a unha nova convocatoria, mediante o modelo oficial 351 . As solicitudes presentadas fóra do prazo ordinario incorporaranse á listaxe específica de agarda, ordenadas segundo a puntuación obtida, e as prazas cubriranse conforme á orde de prelación establecida nas bases reguladoras.
Xúntase enlace da solicitude: https://concellodelugo.gal/sites/default/files/documentos/adjuntos/2021/03/351_cast_solici_anexos_baremobono_2021-2022.pdf






