A partida destinada ao Plan Deputación elévase a 25 millóns de euros, mentres que o pleno tamén aprobou unha iniciativa do BNG para reclamar á Xunta a extensión da Hospitalización a Domicilio a todos os concellos da provincia.
O pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes os Orzamentos para 2027, que ascenden a 155 millóns de euros e que, segundo o goberno provincial, poderán entrar en vigor a comezos de xaneiro. As contas saíron adiante cos votos favorables de PSOE e BNG e o rexeitamento do Partido Popular, que cuestionou os criterios de distribución dos recursos e as prioridades do executivo provincial.
Unha das principais partidas é a do Plan Deputación, que contará con 25 millóns de euros, tras experimentar un incremento de 2,7 millóns con respecto ao exercicio anterior.
Neste punto o portavoz popular abordou o incremento dos orzamentos, recordando que “débese a que a institución provincial dispón de máis fondos porque os lucenses soportamos unha maior carga fiscal do Estado, polo que se pagamos máis, o lóxico é que ese esforzo reverta nos propios lucenses, e a maneira máis xusta, transparente e igualitaria de facelo é reforzando o Plan Deputación pero PSOE e BNG non apostan polo reparto igualitario e transparente“
Asemade o portavoz do PP, Antonio Ameijide, cualificou as contas de «sectarias e opacas» e criticou que o incremento global do orzamento non se traduza nunha maior dotación proporcional para o Plan Deputación. Segundo os populares, mentres o orzamento provincial medra un 16 %, esta partida aumenta un 12 %. Ameijide defendeu un reparto máis igualitario dos fondos e reclamou maior atención ao mantemento das estradas, aos polígonos industriais, á captación de investimentos e ao turismo.
O representante popular cuestionou o convenio entre a Deputación e o Concello de Burela, do que é alcaldesa a actual presidenta provincial, Antonio Ameijide lembroulle a Carmela López que son “un goberno contaxiado polo sectarismo máis absoluto xa que a carta de presentación deste orzamentos e a forma de inauguralos foi asinarse un autoconvenio para si mesma, este foi o primeiro cargo aos novos orzamentos; 273.600,73€ nun acordo financiado integramente con fondos provinciais e no que a presidenta da Deputación participa desde ambas as dúas partes, como presidenta da Deputación e como alcaldesa de Burela, por importe de 273.600 euros, ao considerar que existe unha coincidencia de responsabilidades que debería ser aclarada”.






