O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha enfermeira do Hospital Universitario Lucus Augusti ás 150 horas de permiso acumulado de lactación que lle corresponden, declarándoo compatible coa posterior solicitude de excedencia por coidado de fillo menor. Desta forma, anulou a resolución do Servizo Galego de Saúde (Sergas) na que lle outorgou un total de 95 horas, en lugar de 150.
A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo explica na sentenza que a cuestión que se debate céntrase en determinar “se resulta procedente reducir ese número total de horas do permiso por lactación acumulada -150- se non se prestaron a totalidade dos servizos debido a que antes de que o menor alcance o ano de idade a persoa traballadora solicita a excedencia para coidado de fillo menor”.
A Xunta, segundo indica na resolución, entende que “cabe minorar as horas ás que se ten dereito proporcionalmente ao tempo en que se deixaron de prestar os servizos”. Con todo, o TSXG asegura que “constitúe unha interpretación errónea establecer unha conexión entre a prestación de servizos efectivos e a xeración do permiso de lactación, pois a natureza do mesmo é a de conceder ao funcionario, ante a existencia dun fillo menor lactante, o dereito a eximirse de prestar servizos efectivos durante unha hora diaria ou o seu desfrute en xornadas completas”. Ao que engade que “o permiso por lactación xérase pola existencia dun fillo menor de doce meses e non, a diferenza do que poida ocorrer con outros dereitos, como as vacacións, en razón proporcional ao tempo que se traballase no ano de referencia”.
“Partindo desa óptica constitucional, e mesmo comunitaria, non cabe restrinxir nin condicionar o desfrute do permiso de lactación, polo que se ten que reputar contrario ao dereito de conciliación da vida laboral e familiar, e, correlativamente, á protección da familia e da infancia, a decisión de minorar a 95 as 150 horas do permiso acumulado de lactación”, salientan os maxistrados, os cales entenden que procede declaralo compatible á posterior solicitude de excedencia por coidado de fillo menor. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.