A escola Semente de Lugo organizará o vindeiro venres, 30 de outubro, a partir das 17:00 horas, unha festa de Samaín con actividades dirixidas ás nenas e nenos e unha chocolatada aberta ás familias.
A xornada incluirá pintacaras con motivos propios desta celebración, un espectáculo de contacontos e un obradoiro para decorar cabazas de xeso. Ademais, as persoas asistentes poderán degustar chocolate quente e biscoito, con opcións sen azucre.
A participación terá un custo de seis euros por familia, cinco no caso das familias socias da Semente. Para asistir será necesario inscribirse previamente a través do correo electrónico da asociación.
A actividade enmárcase no calendario de celebracións da Semente de Lugo, que promove a lingua e a cultura galegas a través do seu modelo pedagóxico. O Samaín é unha das citas habituais do centro, xunto con outras festividades tradicionais como o recibimento do Apalpador, o Entroido ou os Maios.
A escola, situada na antiga unitaria da aldea de Barbaín, na parroquia de Santa María de Bóveda, iniciou a súa actividade en setembro de 2016, polo que celebra este ano o seu décimo aniversario.






