O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recolleu onte a Tésera da Hospitalidá que se concede no marco do Filandón de Músicas do Caurel, unha festa declarada de interese turístico de Galicia, que celebrou este domingo a súa 28 edición.
O director de Turismo de Galicia agradeceu a concesión deste recoñecemento honorífico e destacou “a relevancia de eventos deste tipo, que poñen en valor o patrimonio material, ao celebrarse nun emprazamento histórico, e inmaterial, coa recuperación das músicas da
zona”.
A Tésera de Hospitalidá foi recibida previamente por autoridades do ámbito cultural, como o músico Amancio Prada e o presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, Xesús Alonso Montero. Alude ás antigas téseras de hospitalidade, acordos ou pactos entre
os pobos celtíberos referentes á relación con outros territorios.
O Filandón de Músicas do Caurel nace por iniciativa do musicólogo Xosé Lois Foxo, co obxectivo de manter vivo o patrimonio musical do Courel, e inclúe un completo programa musical e cultural, con actuacións, exposicións sobre instrumentos e as músicas do Caurel
e a presentación dunha obra sobre o cancioneiro nas terras do Bolo. Celébrase na explanada da bicentenaria Ferrería de Seoane, una edificación de principios do século XIX que, ademais do seu uso na extracción do metal, foi tamén central eléctrica, serradoiro e
muíño.