A Academia Xacobea nomeou académicos a John Rutherford e Manuel Valín

Xosé Merelles destaca a traxectoria dos dous novos académicos, que achegan coñecemento e experiencia á institución de cara ao próximo Ano Santo

A Academia Xacobea incorporou este domingo a John Rutherford como académico de honra e a Manuel Valín Valdés como académico correspondente, nunha sesión solemne celebrada en Ribadeo no marco da XXI edición das Xornadas Mar por Medio. O acto contou coa participación do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que destacou a contribución dos dous novos membros ao estudo e á difusión do fenómeno xacobeo.

Merelles puxo en valor as traxectorias de Rutherford e Valín, que achegan «coñecemento, experiencia e rigor» á institución nun momento especialmente relevante, co próximo Ano Santo cada vez máis próximo. Neste contexto, subliñou o papel da Academia Xacobea na conservación e promoción do fenómeno xacobeo, así como no estudo das súas implicacións e na difusión dos seus valores.

Manuel Valín, unha traxectoria vinculada ao Camiño Norte

O director de Turismo de Galicia salientou a carreira profesional e política de Manuel Valín Valdés, estreitamente ligada á Mariña lucense e, especialmente, ao concello de Ribadeo.

No ámbito xacobeo, Valín foi socio fundador da Asociación de Amigos do Camiño Norte na provincia de Lugo en 1989. Ademais, contribuíu á divulgación desta ruta a través da organización de eventos, da publicación de artigos e da elaboración de traballos de investigación.

John Rutherford, referente da cultura e da literatura galegas

Pola súa banda, John Rutherford foi distinguido como académico de honra en recoñecemento á súa destacada traxectoria académica e ao seu compromiso coa cultura galega. O hispanista británico mantén unha estreita vinculación con Ribadeo, onde impulsa as Xornadas Mar por Medio, un encontro que reúne galeguistas de España, do Reino Unido e doutros países arredor da cultura e da literatura galegas.

Rutherford foi profesor de Lingua e Literatura española e iberoamericana durante máis de catro décadas no Queen’s College da Universidade de Oxford, onde actualmente é profesor emérito. A súa actividade inclúe tamén a tradución ao español e ao galego, así como a edición en inglés de obras de autores como Castelao e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Outro dos seus legados é a creación do Centro de Estudos Galegos de Oxford, que leva o seu nome en recoñecemento á súa contribución á difusión internacional da lingua e da cultura galegas.

A incorporación de ambos os dous académicos reforza así o labor da Academia Xacobea na investigación, na divulgación e na promoción do Camiño de Santiago e dos valores asociados ao fenómeno xacobeo, especialmente ante a proximidade dun novo Ano Santo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com