A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) organiza o ciclo ‘Os medios do futuro comezan nas aulas’, unha iniciativa que busca conectar o estudantado de xornalismo coa realidade profesional e abrir un espazo de reflexión sobre o presente e o futuro dos medios de comunicación en galego.
As xornadas desenvolveranse nas facultades de Ciencias da Comunicación das tres universidades galegas: o mércores 14 de outubro na Coruña, o xoves 15 en Santiago de Compostela e o luns 19 en Pontevedra. Os encontros contarán coa participación de profesionais da comunicación, representantes de institucións e persoas expertas, así como de Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua.
O primeiro encontro, na Universidade da Coruña, conmemorará os 150 anos de O Tío Marcos da Portela e analizará a evolución do xornalismo en galego, a súa contribución á normalización lingüística e os desafíos que supón a chegada da intelixencia artificial.
A xornada de Santiago estará dedicada á figura de Begoña Caamaño e ao papel das mulleres nos medios en galego. Nela abordaranse cuestións como a igualdade nas redaccións, o liderado feminino e a representación das mulleres na comunicación.
Pola súa banda, a sesión de Pontevedra centrarase nos novos retos do sector, desde a desinformación ata a aparición de novos formatos e modelos de consumo. Tamén se reflexionará sobre a importancia da confianza, a proximidade e a especialización para construír os medios que demandan as novas xeracións.
O ciclo conta co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e as tres universidades. A iniciativa enmárcase no labor de AMEGA para fortalecer o ecosistema dos medios en galego e fomentar o intercambio de coñecementos entre profesionais e futuros xornalistas.






