O Centro Cultural José Domínguez Guizán, entidade promotora do Belén Electrónico de Begonte, convoca a 51ª edición do Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal e do Certame Xornalístico «Begonte e o Nadal», ambos co obxectivo de difundir a tradición do Nadal e dar a coñecer a actividade cultural vinculada a esta celebración na localidade.
O LI Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal está aberto á participación de autores de calquera procedencia, con poemas escritos en galego ou castelán e temática libre arredor do Nadal. Valoraranse especialmente os textos que fagan referencia a Begonte e ao seu Belén Electrónico. O primeiro premio, denominado Premio Begonte de Poesía, está dotado con 1.000 euros e trofeo, mentres que o segundo recibirá 500 euros e un diploma.
Pola súa banda, o LI Certame Xornalístico «Begonte e o Nadal», patrocinado pola Xunta de Galicia, está dirixido a persoas que publiquen en xornais, revistas ou medios dixitais traballos, individuais ou en serie, sobre o Nadal en Begonte e, en xeral, en Galicia. Establécense dous premios nas mesmas contías: 1.000 euros e trofeo para o primeiro e 500 euros e diploma para o segundo.
O prazo de presentación dos traballos remata ás 12:00 horas do 6 de xaneiro de 2027. No caso do certame de poesía, os orixinais deberán enviarse ao correo electrónico info@belendebegonte.es en dous arquivos separados: un co poema e outro cos datos persoais do autor, identificado como «Plica». Para o certame xornalístico deberán remitirse os traballos publicados, indicando os datos da persoa autora.
Tamén se admite a entrega presencial ou o envío por correo certificado ao Centro Cultural José Domínguez Guizán, no barrio de Quitimil, 2, en Begonte.
A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto de clausura do Belén Electrónico. Os premios estarán suxeitos ás correspondentes retencións fiscais.






