A programación do San Froilán incluíu a participación de asociacións culturais e máis dunha decena de formacións musicais na XXVIII Mostra de Música Tradicional Galega.
O Hoxe baixa o telon das Festas de san Froilán 2026 pero onte celebróuse o Domingo das Mozas, que xunto co día do Patrón, conforman as dúas xornadas máis destacadas do San Froilán. A festa reuniu este domingo en Lugo distintas actividades vinculadas á cultura galega, entre elas o desfile do traxe tradicional, a ofrenda floral a Rosalía de Castro e a XXVIII Mostra de Música Tradicional Galega.
O desfile da vestimenta tradicional contou coa participación da alcaldesa, Elena Candia, membros dos tres partidos políticos presentes no consistorio e o delegado da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, xunto con representantes de varias asociacións culturais. Os participantes amosaron prendas características de diferentes bisbarras galegas nun percorrido que comezou na Praza Maior e continuou ata o parque Rosalía de Castro.
No desfile participaron a Asociación do Camiño Primitivo de Baleira, a Asociación Cultural Peleriños de Sarria, Airiños de Orbazai, Amigos do Camiño e o Grupo Etnográfico Traxandaina.
Ofrenda floral a Rosalía de Castro
A programación incluíu tamén a tradicional ofrenda floral diante da figura de Rosalía de Castro, situada no parque que leva o nome da escritora. A ofrenda correu a cargo de Sandra Piñeiro, presidenta da Audiencia Provincial de Lugo.
O acto formou parte das actividades do Domingo das Mozas dedicadas á difusión da cultura galega e ao recoñecemento de figuras destacadas da súa literatura.
A música tradicional percorre o casco histórico
A música popular tivo tamén presenza ao longo do día coa celebración da XXVIII Mostra de Música Tradicional Galega, organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. A iniciativa reuniu máis dunha decena de formacións musicais con actuacións en diferentes rúas e prazas do centro histórico.
Os pasarrúas desenvolvéronse en dúas quendas: de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 18.00 horas. Pola mañá, os grupos partiron da Mosqueira e percorreron distintos puntos do recinto amurallado ata chegar á Praza Maior.
Pola tarde, as actuacións nas rúas deron paso aos concertos na Praza de Santa María, completando unha programación musical integrada nas celebracións do San Froilán.
O desfile, a ofrenda floral e a mostra musical configuraron así a programación cultural do Domingo das Mozas, cunha presenza destacada da vestimenta, a literatura e a música tradicional galegas.






