A Xunta emitiu declaración de impacto ambiental (DIA) favorable ao proxecto da empresa Votorantim Cementos España para a construción dunha nova nave de produción de combustibles sólidos recuperados (CSR) a partir de residuos industriais e urbanos non reciclables no concello lucense de Sarria. Non obstante, esa decisión está condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.
A resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade -que saíu hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia- refírese a unhas instalacións nas que se producirán os CSR que despois se empregarán nos fornos de produción de cemento, dando servizo a unha actividade que xa queda fóra desta iniciativa. De feito, a parcela na que se prevé construír a nave -de 5.820 metros cadrados de superficie- conta con 215.282 metros cadrados de superficie e nela atópase a planta de produción de cementos da empresa promotora na que se utilizarán eses novos combustibles.
O proxecto localízase concretamente no lugar da Oural, ao sur do concello de Sarria, e a nova edificación, que contará no exterior cunha zona pavimentada para o tráfico de vehículos, dividirase en tres zonas principais. A primeira delas é a zona de recepción e almacenamento do material entrante, onde os camións descargarán a materia prima e haberá un alimentador principal que descargará o material de entrada dunha cinta transportadora que conducirá o material cara a zona 2.
A segunda área consiste nun triturador primario cun separador magnético para recuperar os materiais ferrosos así como material reciclable e nun separador do material diferenciando entre lixeiro, de densidade mediana e pesado.
O terceiro espazo será o de almacenamento de CSR para a súa expedición.
Imaxe: Google maps.