As plataformas Ulloa Viva, Non á mina de Touro-O Pino e PDRA, xunto con ADEGA, instan á cidadanía a solicitar masivamente á Xunta o acceso ao memorando de entendemento asinado en 2021 entre Impulsa Galicia e Altri para impulsar o proxecto industrial de Palas de Rei.
As organizacións reclaman ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda que faga públicos os termos do acordo e aclare se contempla compensacións económicas ou compromisos patrimoniais da Administración galega coa empresa. A petición chega tras a caducidade do procedemento de autorización da fábrica e ante a falta de información sobre posibles reclamacións de responsabilidade patrimonial por parte da promotora.
O acceso ao documento continúa pendente, nun contexto no que a Confederación Intersindical Galega recorreu a denegación da información ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). As entidades promotoras da iniciativa ofrecen un modelo de solicitude para facilitar a súa presentación.
A Xunta, forzada a publicar o mapa da Infraestrutura Verde no que estaban incluídos os terreos de Altri
Hoxe mesmo, 5 de novembro, o Diario Oficial de Galicia publica a Orde do 4 de novembro de 2026, disposta pola Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, pola que se dá cumprimento á Sentenza 60/2026, do 13 de febreiro, da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola que se obriga a repoñer no mapa da Infraestrutura Verde e da conectiviade e restauración ecolóxicas de Galiza os terreos nos que estaba previsto instalar a factoría de Altri como zona de amortecemento.
Por outra banda, ADEGA considera que esta decisión cuestiona a validez da declaración de impacto ambiental do proxecto e advirte de que impugnará unha eventual reactivación que non inclúa unha nova avaliación ambiental.






