O incendio, que foi sufocado pasadas as tres da madrugada, afectou a toda a nave, especialmente ao seu interior, onde había vehículos e depósitos de aceite. Por fortuna, ninguén resultou ferido.
O incendio declarouse contra as 21:30 horas nunha empresa de carretillas elevadoras.
Varios particulares que se atopaban no lugar informaron ao 112 Galicia de que estaba a arder maquinaria nunha nave situada na rúa dos Transportes, no polígono industrial do Ceao (Lugo). Segundo explicou un dos alertadores, as lapas eran visibles por enriba da cuberta da nave, lindeira con outras instalacións industriais, mais ningunha persoa resultara afectada.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activouse un operativo no que colaboran os Bombeiros de Lugo e os axentes da Policía Nacional e Local. Ademais, desprazouse ao punto unha dotación do distrito forestal da zona, dependente da Consellería de Medio Rural, para cooperar nas tarefas de abastecemento de auga.




