Os deputados provinciais Antonio Ameijide e Luis Fernández comprobaron ‘in situ’ os danos derivados das obras que Adif realizou na estación de Canabal e nas vías do ferrocarril ao seu paso polos municipios de Sober e Ferreira de Pantón que “danaron considerablemente” a estrada provincial LU-P-5901 como consecuencia do elevado e constante tránsito de vehículos pesados.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, explica que “somos conscientes de que toda obra ten os seus inconvenientes e que poden producir molestias ou incluso danos” pero “por ese mesmo motivo o goberno da Deputación de Lugo ten que esixir que se reparen completamente os danos producidos como consecuencia dos traballos realizados”. Antonio Ameijide sinala que o malestar entre os veciños é notorio porque esta estrada e a conexión que teñen coa N-120.
Os danos ocasionados nesta estrada son de tal calibre que as fochancas permiten ver o firme vello da estrada, subliñan os populares. Pero o que xera “maior malestar entre os veciños é que se reparou unha parte da estrada, dun quilómetro aproximadamente, deixando a parte restante, de algo máis dun quilómetro, sen actuación algunha”.
Ante esta situación, dende o Grupo Provincial Popular piden á Deputación que inste a Adif a reparar todos os danos ocasionados polas obras para “garantir a seguridade” dos usuarios desta estrada provincial