ADEGA “50 anos coidando a Terra”

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) inaugurou hoxe, xoves 20 de novembro, na Horta do Seminario de Lugo, a exposición itineranteC, unha mostra que repasa a traxectoria da organización na defensa do territorio e do medio ambiente galego ao longo das últimas cinco décadas. Estará ubicada nesta localización ata o vindeiro 2 de decembro, logo de viaxar por outros concellos como Carballo, Muros, Arzúa, Valdoviño, Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña e Ferrol. Esta será a última oportunidade de visitala neste presente ano 2025.

Durante o acto fíxose un percorrido histórico dende os comezos da organización ecoloxista  e os diferentes hitos que marcaron a actividade da asociación durante estes cincuenta anos de activismo a prol da defensa do país.

O acto rematou cunha pequena visita guiada pola mostra a cargo de Lucía A. Anido, da delegación de ADEGA-Lugo, acompañada dos protagonistas dalgúns dos episodios que se relatan na mostra, como Suso Méndez, da asociación ConLupa, ou Daniel López Vispo, membro de ADEGA, que rememoraron a loita popular que conseguiu paralizar aconstrución dun encoro na vila de Navia. Tamén se abordou a histórica loita contra a nuclear de Xove, contra a invasión eólica, ou a defensa dos ríos fronte ao urbanismo e da Mariña fronte a Alcoa.

Esta exposición estrutúrase en 16 paneis distribuídos en catro tótems cúbicos, acompañados de bidóns simbólicos que recrean materiais radioactivos, en referencia á oposición galega aos vertidos nucleares na Foxa Atlántica, unha das mobilizacións ecoloxistas máis emblemáticas do país. A través de textos e imaxes, propón un percorrido polos 50 anos de historia de ADEGA e polas principais ameazas ambientais ás que se enfrontou Galiza, desde as verteduras contaminantes e a especulación urbanística ata os incendios forestais, a degradación dos ecosistemas e o impacto industrial sobre o territorio.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com