A Xunta de Galicia concedeu un total de 577.300 euros aos concellos de Lugo, Viveiro e Ribadeo para financiar actuacións de mellora e dinamización das súas prazas de abastos e mercados municipais.
A distribución dos fondos contempla 320.000 euros para Viveiro, repartidos en dúas anualidades, destinados a obras de reforma do mercado municipal. Ribadeo recibirá 159.700 euros, mentres que a actuación vinculada á praza de abastos de Lugo conta cunha achega autonómica de 97.600 euros.
No caso da capital lucense, os fondos destínanse a mellorar o acceso á praza de abastos pola rúa Tuñas Bouzón, nunha actuación que está a desenvolver o Concello.
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, xunto coa alcaldesa e outras autoridades visitou este venres as instalacións do mercado de Lugo, onde percorreu varios postos para coñecer a actividade diaria dos comerciantes e praceiros.
Durante a visita, Villares destacou a importancia das prazas de abastos e dos mercados municipais como espazos de actividade comercial e como puntos de venda de alimentos de proximidade e produtos de calidade diferenciada. Tamén subliñou o seu papel na dinamización dos centros urbanos das cidades e vilas.
As axudas forman parte da convocatoria autonómica destinada a apoiar a modernización e a promoción destes espazos comerciais, cunha distribución dos fondos que permitirá financiar actuacións nos tres municipios lucenses





