O Concello bota a andar de novo o reloxo da Casa Consistorial

O Concello de Lugo iniciou os traballos para devolver o funcionamento ao reloxo da Casa Consistorial, unha das pezas máis singulares do patrimonio municipal, inaugurada en 1874 durante as festas do Corpus e hoxe símbolo histórico da cidade.

A actuación deseñouse tras constatar, nos informes técnicos municipais, a escaseza de profesionais capaces de traballar con mecanismos de escape de gravidade con péndulo longo, un sistema case desaparecido en España e que require coñecementos moi específicos. Estes mesmos informes inciden na necesidade de protexer o mecanismo orixinal fronte á humidade e ás condicións adversas, como paso previo a unha restauración de maior alcance que se abordará máis adiante.

Para recuperar a hora sen afectar á integridade da peza histórica, instalarase un mecanismo dual: un pequeno motor eléctrico conectado a unha central horaria vía satélite, capaz de ofrecer unha exactitude continua e, ao mesmo tempo, completamente non invasivo. Esta solución permitirá dispoñer dun reloxo estable e preciso mentres se avanza na restauración das pezas orixinais, que permanecerán intactas e protexidas.

O reloxeiro responsable subliñou que o novo sistema “non altera en absoluto a máquina histórica” e que pode activarse ou desactivarse de inmediato en caso de avaría, garantindo continuidade sen comprometer a autenticidade do mecanismo de 1874. Cando a máquina antiga estea restaurada, poderá volver activarse sen dificultade.

A intervención foi encargada a un equipo especializado que tamén traballa noutros reloxos monumentais de referencia en Galicia, como o de María Pita na Coruña ou o do Concello do Carballiño, garantindo así un enfoque técnico experimentado e respectuoso.

Coa posta en marcha deste mecanismo dual, Lugo recuperará nas próximas semanas un dos seus símbolos máis recoñecibles, ao tempo que avanza cara unha restauración integral que asegure que o reloxo da Casa Consistorial continúe marcando o tempo da cidade durante as próximas décadas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com