A Praza Maior de Lugo acolleu este luns a lectura dun manifesto con motivo do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, nun acto organizado por ADACE Lugo para sensibilizar sobre esta realidade, visibilizar as necesidades das persoas afectadas e reclamar o respecto dos seus dereitos. A 4este acto acudiron a alacaldesa Elena Candia eo delegado da Xunta Alfonso Villares, membros da corporación municipal e outras autoridades.
Baixo o lema «A vida continúa. O apoio tamén», o manifesto incidiu na importancia do acompañamento ás persoas que sofren un dano cerebral adquirido e ás súas familias, que afrontan unha nova etapa tras a lesión e necesitan recursos para adaptarse á súa situación.
A convocatoria contou coa participación de representantes da Corporación municipal e da Xunta de Galicia, ademais de persoas vinculadas á entidade organizadora.
ADACE Lugo, que desenvolve o seu labor desde hai vinte anos, atende arredor de 60 persoas a través de recursos como o centro de día e os talleres. A súa actividade céntrase na atención e no acompañamento das persoas con dano cerebral adquirido, co obxectivo de favorecer a súa autonomía e calidade de vida, así como de apoiar as súas familias.
Durante o acto, representantes das administracións destacaron a importancia do traballo das asociacións e da colaboración institucional para avanzar na atención ás persoas afectadas e ampliar os recursos e servizos dispoñibles.






