Na Idade Media falábase de amor galante en relación co sentimento dun cabaleiro cara a unha dama, xeralmente casada con outro, da que esperaba unha mostra de sintonía que lle alegrase a existencia. Claro que esta Idade rematou co século XV, se ben parece que hai homes que non se enteraron, ou consideran que poden cambiar as formas mesmo para peor, e que as “galanterías” seguen movendo corazóns e vontades.
Sexa porque as tentacións están máis preto dos poderosos, anda a política moi revolta porque aparecen aquí e aló problemas que teñen que ver coa man, sexa na caixa ou voandeira, e fotografías de montóns de diñeiro en casas de políticos, e denuncias de acoso sexual, configuran un panorama que merecería que un novo Baudelaire fixera unha versión actualizada das flores do mal. Amortiguados momentaneamente os escándalos económicos, a vergoña allea arrecia arredor das denuncias por acoso ou abuso sexual, que calquera persoa normal entende como un dos comportamentos máis desprezables e egoístas, agudizado cando o presunto acosador ten ascendente sobre a vítima.
Os políticos sempre estiveron no punto de mira de quen contempla comportamentos dispersos, sendo singular o caso do que por Santiago non se recataba en presentar ás acompañantes ocasionais como súas sobriñas, conseguindo que os amigos o compadecesen po lo mal encamiñadas que iban na vida. Pero unha cousa son costumes pouco edificantes, e outra esta que nos abochorna. Imponse o rigor na denuncia, xuízo e sentenza. E se aos comportamentos ruíns non lles chegou o momento de desaparecer, chegoulles o da vergoña, a repulsa e o castigo.



