O PP esixe a Pilar García Porto “explicacións inmediatas” por encubrir a Tomé e a  súa dimisión

Logo da emisión dun novo programa de televisión donde se amosan novas probas sobre os casos de presunto acoso sexual por parte de José Tomé a varias mulleres e de que altos cargos do PSOE coñecían destas denuncias e non fixeron nada, dende o Grupo Provincial Popular amosan a súa “total preocupación polas novas informacións e evidencias” mentres “no partido socialista seguen a agocharse e non dar as explicacións necesarias”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que ante a gravidade das informacións coñecidas “é inaceptable o silencio mantido pola secretaria de organización do PSOE lucense, deputada provincial e alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, que continúa agochada e sen dar explicacións públicas”.

Neste senso, Ameijide esixe que “Pilar García Porto debe saír de inmediato a explicar por que gardou silencio durante todo este tempo ante uns feitos tan graves” para, unha vez feitas públicas as explicacións, “asumir responsabilidades e presentar a súa dimisión”.

“Todos merecemos explicacións claras e, sobre todo, por que tapou todo e non achegou á vítima a axuda e protección que precisaba. O silencio non é unha opción cando están en xogo a dignidade das persoas, a exemplaridade das institucións e a confianza da veciñanza na política”, afirmou.

Silencio do BNG

Antonio Ameijide tamén denuncia “o silencio cómplice do BNG”, que segue sen aclarar se está disposto a negociar e a chegar a acordos cun presunto acosador e cunha das persoas que o encubriu. “O BNG debe de ser claro e dicir se vai antepoñer os seus intereses políticos e a vicepresidencia da Deputación, á defensa das vítimas e aos principios éticos que di defender”, sinalou.

O voceiro popular amosouse contundente coa actitude dos tres deputados nacionalistas: “ou se está coas vítimas e coa transparencia ou se está do lado de quen cala, encubre e mira para outro lado, poñendo por diante de todo o sillón e pisar moqueta”.

Antonio Ameijide afirma que “non deixaremos de esixir explicacións, responsabilidades políticas e un posicionamento claro por parte de todas as forzas políticas”, ao que engadiu que “Lugo e a Deputación non poden seguir a danar a súa imaxe desta forma”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com