A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de ampliación do Muralla Romana, en Lugo.
O obxectivo da actuación é dar resposta ao incremento da matrícula de FP no centro e permitirá incrementar en case 900 m² a superficie do instituto. Para realizar a ampliación será necesario demoler unha edificación de 167 m² para levantar o novo volume, que terá unha superficie total de 892 m², dotado de planta Baixa, primeira e segunda e conectado co edificio existente a través dun corredor en cada unha delas.
O novo edificio contará cunha escaleira para comunicar os tres niveis. A planta baixa estará dotada de dúas aulas de clase, dúas aulas de apoio, un departamento de profesores e unha sala de comunicacións, mentres que a primeira e a segunda terán tres aulas e un departamento de docentes cada unha.
A ampliación mantén a mesma linguaxe arquitectónica que o edificio actual, con fachada de dobre folla de ladrillo con acabado exterior mediante sistema de illamento térmico SATE, a cuberta na zona das aulas será a dúas augas e a conexión entre o edificio existente e o novo resólvese cunha cuberta plana.






