Morre Xesús Alonso Montero, intelectual galeguista e referente da cultura galega

Hoxe producíase en Vigo, o pasamento  aos 97 anos de Xesús Alonso Montero, un dos intelectuais máis salientables do galeguismo contemporáneo. Nado en Vigo en 1928, Alonso Montero destacou como ensaísta, filólogo, profesor universitario e activista pola lingua galega, e tivo unha traxectoria marcada por un profundo compromiso cultural e político.

Militante do Partido Comunista de España desde comezos dos anos sesenta, o seu compromiso coa defensa da lingua e da cultura galegas e coas liberdades democráticas provocou que sufrise sancións e persecución política durante o franquismo. Ao longo da súa vida académica e cívica, non deixou de loitar pola visibilidade e recoñecemento do idioma galego e da súa literatura.

Doutor en Filosofía e Letras e catedrático de Literatura Galega na Universidade ´de Santiago, Alonso Montero estivo moi vinculado á cidade de Lugo, á que chegou no ano 1960 para exercer como profesor no daquela Instituto Masculino (hoxe IES Lucus Augusti) e na Escola de Maxisterio. Alí foi figura clave para moitos estudantes con inquedanzas literarias, algúns dos cales acabarían por destacarse como poetas e escritores, como Xavier Rodríguez Barrio, Claudio Rodríguez Fer, Darío Xoán Cabana, Xesús Rábade Paredes ou Fiz Vergara Vilariño.

Especialista en sociolingüística, historia cultural e literatura galega, dedicou boa parte da súa obra ao estudo de autores destacados da literatura galega, así como á análise da represión franquista e da memoria histórica. O seu estilo combinaba rigor académico cunha voz persoal, irónica e combativa, que o converteu nun referente moral e intelectual para varias xeracións.

Membro numerario da Real Academia Galega desde 1993, foi elixido presidente da institución en 2013, cargo que exerceu até 2017. A súa figura representa a unión entre erudición, compromiso cívico e paixón pola palabra, elementos que o consolidan como unha das grandes voces da Galicia contemporánea.

Ademais de profesor e investigador, presidiu o Foro pola Memoria Republicana de Galicia e participou activamente en diversas fundacións. Ao longo da súa vida foi recoñecido con numerosos premios e distincións que salientaban a súa traxectoria académica e cultural.

Fotografía: Galicia Dixital.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com