O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou hoxe en Lugo a creación dunha praza específica na sección de violencia contra a muller, unha medida que permitirá poñer en marcha un xulgado especializado contra a violencia machista na provincia. Segundo destacou, esta decisión do Goberno de España responde a unha “demanda histórica” e supón un paso decisivo para reforzar a protección das vítimas e mellorar a resposta xudicial.
Blanco realizou estas declaracións tras manter unha reunión coa presidenta da Audiencia Provincial de Lugo, Sandra Piñeiro, á que agradeceu expresamente o seu traballo e colaboración. O delegado subliñou que a experiencia e o compromiso da maxistrada co servizo público resultan “fundamentais para seguir avanzando na mellora do sistema xudicial da provincia”.
No encontro tamén participou a subdelegada do Goberno, Olimpia López. Tras a reunión, Pedro Blanco amosouse satisfeito pola “vontade compartida” de seguir fortalecendo os recursos xudiciais a través do diálogo institucional e da cooperación entre administracións.
O representante estatal explicou que o obxectivo final é dotar á cidadanía dunha Xustiza máis especializada, próxima e con maior capacidade de resposta, especialmente en ámbitos sensibles como a loita contra a violencia de xénero, que cualificou como “unha das principais cuestións de Estado”.






