Viaxar co Imserso

Un amigo asombrouse de que eu viaxase co Imserso, por terlle quedado ao sistema a sona de que os participantes son vellos e fan cousas que se supoñen son ou foron de vellos, entrelas os bailes, xogos de cartas, karaokes, e monótonas tardes vendo pasar a vida por diante.

Non sei quen dixo, pero apúntome, que vello, o que se di vello, é o que supera os cen anos e o leva mal. Pois resulta que nestas viaxes hai participantes que case teñen que xurar que son xubilados, polo ben que o levan.

Medio cento de lucenses vivimos nun hotel de 4 estrelas da cidade de Alcudia, onde quen quixo cantou, bailou, xogou… e quen non (ou tamén) dedicouse a ver unha Mallorca ao noso dispor, ben distinta da do verán tomada ao asalto polos que só aprecian sol e praia. Eramos de Lugo, A Fonsagrada, Ribeira de Piquín ou Alfoz; xa non digamos de Vilalba, xa que o dez por cento eramos (Celeiro, Álvarez,Criado…) da Porta de Cima.

Esta é unha boa iniciativa a prol dos maiores, e non o digo porque me afecte senón por comprobalo en vivo e en directo. Para moitos, será a unica posibilidade de cambiar de aires; para o sector do turismo unha inxección de traballo en época baixa, e para o comercio afectado unha alegría en tempos dificiles.

“Que bos son, que nos levan de excursión!”, seica cantabamos os rapaces doutrora. Non digo que isto sexa bondade dos gobernantes por manter esta acción meritoria; sí é unha boa política a de organizar viaxes para os maiores, primando aos de menores ingresos, e aos que comecen a utilizar o sistema.

A quen non lle gusten as viaxes do Imserso, está no seu dereito de non ir. Pero é unha idea luminosa, necesaria e xusta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com