Un establecemento hostaleiro da Rúa Nova foi denunciado tras unha intervención da Policía de Barrio na madrugada do pasado venres, despois de que a Sala do 092 recibise varias chamadas telefónicas queixanadose da actividade que se estaba a producir no local.
Os feitos producíronse arredor das 6:50 horas, cando unha patrulla se desprazou ata o lugar e comprobou que no interior do establecemento había clientes consumindo, aparentemente continuando unha celebración iniciada durante o horario nocturno. No exterior, con todo, a reixa do local atopábase completamente baixada e pechada cun cadeado.
Segundo fontes policiais, os axentes contactaron desde fóra coa persoa que se identificou verbalmente como o encargado do establecemento. Este negouse inicialmente tanto a identificarse ante os policías como a permitir o acceso ao interior do local.
Ante esta situación, e en coordinación con outras patrullas, estableceuse un dispositivo de vixilancia nas inmediacións do establecemento. O operativo prolongouse ata que, para permitir a saída da clientela, foi necesario abrir o cadeado da reixa exterior. Nese momento os axentes procederon á identificación do responsable do local.
O encargado foi denunciado por unha presunta infracción da Lei de Protección da Seguridade Cidadá pola súa negativa a identificarse ante os axentes.
Ademais, a Policía levantou varias actas-denuncia por posibles infraccións á Lei de Espectáculos Públicos de Galicia. Entre elas figuran impedir o acceso aos axentes da autoridade, non colaborar coa inspección policial e exceder o horario máximo de apertura permitido.
Segundo establece a normativa autonómica, impedir o acceso aos axentes pode constituír unha infracción moi grave, sancionada con multas de entre 30.001 e 600.000 euros e coa posible clausura ou suspensión da actividade ata tres anos. Pola súa banda, a falta de colaboración coa inspección e o incumprimento do horario están tipificados como infraccións graves, con sancións que poden oscilar entre os 301 e os 30.000 euros.
Así mesmo, o feito de manter a reixa do establecemento pechada mentres había clientela no interior podería constituír unha infracción moi grave á Lei de Emprendemento de Galicia, con sancións que poden ir desde os 30.050,62 ata os 601.012,01 euros.
Os feitos quedaron recollidos nas correspondentes dilixencias e actas administrativas.






