O PP denuncia “manobras para facilitar o acceso do fillo do alcalde da cidade, Miguel Fernández, a un posto na institución provincial”

A portavoz do Grupo Municipal do PP en Lugo, Elena Candia, e o voceiro provincial, Antonio Ameijide, compareceron este mércores en rolda de prensa para denunciar o que consideran “manobras pouco transparentes e pouco estéticas” por parte de PSOE e BNG na Deputación de Lugo. Segundo explicaron, estas actuacións terían como obxectivo facilitar o acceso do fillo do alcalde da cidade, Miguel Fernández, a un posto na institución provincial.

Ambos dirixentes populares criticaron con dureza “as formas empregadas” polos partidos de goberno, acusándoos de utilizar as administracións públicas “ao servizo dos seus intereses” en lugar de atender ás necesidades da cidadanía lucense. Neste sentido, puxeron o foco nun procedemento administrativo que consideran irregular e discriminatorio.

Unha prórroga denegada e dúas concedidas

Os populares explicaron que, para posibilitar este nomeamento, “PSOE e BNG terían denegado a prórroga a unha funcionaria habilitada nacional que solicitara continuar no seu posto como secretaria-interventora”. Esta decisión contrasta, segundo denunciaron, coa concesión de prórrogas a outros dous traballadores na mesma situación apenas uns días antes.

“Estamos ante tres persoas na mesma circunstancia: a dúas permíteselles continuar e a unha terceira non, simplemente para deixar oco ao fillo do alcalde”, sinalaron, cualificando o feito como un exemplo claro de trato desigual dentro da administración.

Nomeamento e posible irregularidade legal

O proceso culminou “co nomeamento do fillo de Miguel Fernández o pasado 16 de marzo de 2026, tomando posesión o día 20 dese mesmo mes na Deputación de Lugo. Ese mesmo día, segundo detallaron, aprobouse un decreto de presidencia para comisionalo como secretario-interventor no Concello de Burela, onde xa viña exercendo previamente”. Subliñaron os populares.

Segundo os representantes do PP, “para xustificar este movemento, a Deputación acolleuse ao artigo 55 do Real Decreto 128/2018, que regula os nomeamentos temporais de funcionarios habilitados nacionais en municipios de menos de 1.000 habitantes. Non obstante, desde o PP subliñaron que este artigo non sería aplicable neste caso, xa que Burela conta con máis de 9.000 habitantes, o que podería converter o nomeamento nunha actuación ilegal”.

Candia advertiu que “prácticas como estas non deberían ter cabida en ningunha administración pública”, incidindo na necesidade de garantir transparencia e igualdade nos procesos.

Críticas á xestión de persoal no Concello de Lugo

A portavoz popular aproveitou tamén para comparar esta rapidez administrativa coa situación do Concello de Lugo, onde, segundo denunciou, existen numerosos problemas estruturais sen resolver en materia de persoal. Candia criticou que o goberno local leve anos sen cubrir vacantes, sen actualizar a Relación de Postos de Traballo (RPT) e sen reforzar servizos básicos.

Entre os ámbitos máis afectados mencionou a Banda de Música, a Escola Municipal de Música —actualmente pechada—, o servizo 010, os bombeiros, a Policía Local e as brigadas de auga, todos eles con carencias importantes de persoal.

Ademais, lembrou que entre 2017 e 2022 caducaron ofertas de emprego público que poderían ter permitido incorporar máis de 60 profesionais, perdéndose así unha oportunidade clave para mellorar os servizos municipais.

Chamamento á coherencia

Finalmente, os populares instaron a “PSOE e BNG a actuar coa mesma axilidade para resolver os problemas estruturais de persoal tanto na Deputación como no Concello”. asemade criticaron a recente reforma da RPT na institución provincial, que consideran insuficiente, ao non abordar cuestións pendentes nin recuperar servizos e persoal afectados por decisións anteriores.

Como exemplo, mencionaron a situación dos traballadores de Tragsa tras a supresión de Suplusa, denunciando a falta de ambición do goberno provincial para dar resposta a estes casos.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com