‘Transfuguismo Non Democracia Si’ convoca unha protesta en Lugo este venres

A plataforma cidadá Transfuguismo NON, Democracia SI, compareceu publicamente para trasladar o seu agradecemento polo apoio recibido nos últimos días e para explicar a súa posición ante a actual situación política no Concello de Lugo. No acto participaron: Bernardino Pardo, Isidoro Rodríguez, Luz Darriba e Lois Pérez, que actuaron como voceiros do colectivo.

Durante a intervención, os representantes da plataforma destacaron que as súas accións se desenvolven nun marco de civismo, pluralidade e tolerancia, ao tempo que reafirmaron a firmeza das súas conviccións democráticas e declararon que “ O que hoxe se formula en Lugo non responde a unha causa de interese xeral nin a unha urxencia política real”.

A plataforma denunciou igualmente que, desde o inicio desta situación, está a recibir críticas e descualificacións a través de distintas canles. Ao mesmo tempo, sinalou que se considera representante dun sector social que apoiou nas últimas eleccións municipais un goberno de coalición entre PSOE e BNG, polo que entende que conta con lexitimidade para expresar o seu desacordo coa situación actual, “alterar o rumbo político da cidade debe ser unha decisión da cidadanía, expresada libremente nas urnas, e non o resultado de operacións de despacho.

No transcurso do acto, tamén se fixo referencia á concelleira María Reigosa, e a persoas do seu entorno, ás que “trasladaron que comprenden a preocupación existente nestes días pola súa amiga e compañeira”. Neste sentido, expuxeron reflexións sobre o carácter temporal do poder político fronte á permanencia das decisións adoptadas e as súas consecuencias na vida pública.
“A cidadanía lucense votou nas últimas eleccións municipais un determinado equilibrio de forzas. Ese equilibrio é o reflexo da pluralidade de Lugo”.

Finalmente, desde a plataforma lanzouse unha chamada á reflexión, convidando a reconsiderar a situación actual e a evitar decisións que, ao seu xuízo, poderían ter repercusións no ámbito democrático. Tamén expresaron a súa discrepancia coa posibilidade de facilitar un cambio de goberno apoiado polo Partido Popular, ao considerar que se sitúa en coordenadas políticas diferentes ás que defende o colectivo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com