Tres feridos nun accidente entre dous vehículos na A-8 ao seu paso por Ribadeo

Tres persoas resultaron feridas esta madrugada nun accidente de tráfico rexistrado no quilómetro 514 da autovía A-8, á altura da parroquia da Devesa, no concello de Ribadeo. Dúas das vítimas tiveron que ser excarceradas polos servizos de emerxencia debido aos danos sufridos nos vehículos implicados.

O sinistro produciuse arredor das 05:35 horas e foi detectado inicialmente a través do sistema automático eCall dun dos turismos accidentados. Segundo informou o 112 Galicia, nun primeiro momento o persoal da central de emerxencias non conseguiu establecer contacto directo cos ocupantes, aínda que mediante a escoita activa puideron confirmar que era necesaria asistencia inmediata.

Pouco despois, un dos implicados conseguiu contactar co centro de emerxencias para alertar de que permanecía atrapado no interior do vehículo, sen posibilidade de saír polos seus propios medios.

Ata o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Barreiros, do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil de Ribadeo.

Xa no punto do accidente, os equipos de emerxencia tiveron que realizar labores de excarceración para liberar a dous ocupantes, un en cada vehículo implicado.

Segundo o balance facilitado polos servizos sanitarios ao remate da intervención, un total de tres persoas precisaron asistencia médica como consecuencia da colisión.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com