Este vindeiro sábado, día 9, volve unha cita ineludible para o piragüismo galego, o LXIX Descenso Internacional do Miño, está proba deportiva está organizada pola Federación Galega de Piragüismo en colaboración co club Cidade de Lugo e resulta decisiva para o campionato galego Xunta de Galicia Ríos.
No descenso está previsto a participación de arredor de 70 embarcacións, que tomarán a saída en Rábade ás 17:00 horas para completar un percorrido de 18 quilómetros ata a Ponte Romana de Lugo. Previamente, unha hora antes, desenvolverase o Descenso do Miño Popular en kaiak, unha iniciativa impulsada polo club lucense co obxectivo de facilitar a participación de afeccionados a este deporte. Esta actividade non terá carácter competitivo e consistirá nun percorrido de 3 quilómetros entre Rábade e Outeiro de Rei.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, que participou na presentación oficial da proba, salientou o “poder de convocatoria desta cita histórica”, que cualificou como un referente consolidado no calendario deportivo nacional. Así mesmo, destacou a combinación de deporte, tradición e promoción territorial que representa a proba, subliñando a súa contribución á dinamización da actividade deportiva e social arredor do río Miño, así como á proxección da imaxe da provincia de Lugo.






